Descripción o resumen: O pequeno erguíase cedo e pasaba as mañás traballando no bosque; o mediano erguíase máis tarde e só coidaba da horta e das galiñas; o maior durmía ata que o corpo llo pedía e só se erguía para acender o lume e xogar... A aparición do animal (un corvo) será decisiva para resolver unha situación tan incoherente, para que as augas volvan ao seu sitio, as actividades se organicen de forma razoable, e aínda quede tempo para o descanso e o lecer. Un conto dos irmáns Grimm, que revela a importancia da aprendizaxe para a vida, redescubrindo o valor de compartir e colaborar nunha tarefa para un fin común, sexa na familia, na escola ou en calquera ámbito social. O conto, que aborda un problema típico de calquera sociedade en calquera tempo e lugar, presenta ese proceso de maduración persoal que o lector debe comprender e afrontar. O nivel de lingua é sinxelo, con períodos curtos e vocabulario comprensible, narrador en terceira persoa e desenvolvemento lineal do argumento centrado nos valores. A adaptación é de Roberto Mezquita, un “apaixonado pola palabra que convoca emocións”, cunha longa experiencia no mundo da narración oral e os contos...que en OQO tamén publicou “O galo Traganoces” e “A vella na botella”. As imaxes son de Paolo Domeniconi, tamén experimentado ilustrador italiano, autor de imaxes plenas de colorido, personaxes atractivos (os seus ollos son especialmente rechamantes), formas suaves e definidas, que chegan directamente ao lector.